Translate
C Soños nun vello trolebús
Eramos pouco máis que un soño
nun vello trolebús.
Unha presa de desexos
virxes que empuxan os
corpos inocentes,
onde cada roce
é unha arrebato.
Eu, coa lama nos zocos,
camiño dun mundo
sensual, descoñecido.
Ti, cunha presa de soños,
ensarillados
naquel pelo rizo e roibo,
unha mirada chea, sutil,
fuxidía.
Un corpo sen estrear,
sorprendido
por cada impresión.
Unha música con mil significados,
con fondo significado
sen descodificar,
pero sempre presente.
E ti
estabas alí,
tan cerca e
tan lonxe,
inaprensíbel,
incomprensíbel.
So eras comprensíbel
nos mil soños imposibles.
Un roce
torpemente buscado,
torpemente consentido.
Acaso
un baile agarrado
na vella Pazos ou
o día da festa.
Catro palabras,
case sen sentido,
sentidas.
Un bico
era un ceo imposible,
nin sequera de imaxinar.
Eras a compaña fiel,
na imaxinación,
polos carreiros das Sonsuelas
e os camiños do Ribeiro,
polas paraxes verdes
transitadas de soños.
Fora do tempo,
non existía o tempo,
so os teus ollos azuis
nun trolebús pousón,
unha ollada túa
enchía os sentidos.
Os versos
non se lían,
so se vivían.
Un día
o remuíño da vida
afastou a túa imaxe,
esvaeceuse nun horizonte
fuxidío.
O azul dos teus ollos,
as pencas da túa pel,
deixaron de impresionar a miña retina
e os reflexos dourados
do teu cabelo
escurecéronse na memoria.
O tempo pasou
e ti segues
nun currunchiño
da miña historia vivida.
Se queres escoitar pincha
C ELAS.....
ELAS.....
Elas ámanse, quérense
cunha paixón
máis alo das cores
vermella ou violeta.
Elas ven o ceo
cando os dedos
rozan os sentidos.
Elas viven o amor
feito á súa medida.
Elas comprométense,
nun desexo de eternidade.
Elas buscan
os praceres profundos
nos sentidos primarios
lenes onde unha
se perde na tenrura
da outra,
cando a natureza é xenerosa.
Elas buscan
encher as súas mans
e as súas vidas de
tenruras pequenas
e futuras.
Elas comprométense
coa vida,
co seu tempo
e co seu futuro.
Elas buscan
o seu propio
camiño que,
xa sabemos,
faise andando.
Se queres escoitar pincha aquí
C As veces......
As veces......
Camiño cos pés descalzos
por camiños descompostos
aos que non lle vexo o fin.
Unha lanterna máxica
sempre alumea o que
non vexo.
Un son arrítmico
inunda os sentidos.
Vexo as esquinas do meu
perfil invisible
detrás do bafo
do espello cadrado.
Respiro a fonda
dor da nada.
Aférrome á miña
sombra escura.
Vivir tamén era isto.
C Repensando as lembranzas
Repensando as lembranzas
Preciso sentir:
o latexar do río
a lama nos zocos
o recendo do bieiteiro
a auga das pozas
debaixo dos pés.
As cores do herbal
na primavera.
Os sentidos acougados
polo aloumiño da miña nai.
As miñas soidades acochadas
por mil follas de carballo
no outono.
O canto de mil grilos
e mil paxaros
nunha tarde esperanzada.
Tamén xeadas brancas
que deixan o corpo aterecido.
Noites de tronos
e paus de loureiro,
e de soidades,
e de tristuras.
e de soidades,
e de tristuras.
Días de enchente e fartura
e soños liberadores.
O recendo do pan saído do forno.
A terra escura chea de froitos
e suores.
Sentir que outras persoas
comparten o teu espazo
e modo de vida.
O regato no inverno,
limpo e transparente,
onde xiraba o rodicio de carabullos,
feito coa miña navalla.
O muíño escuro
de fariña branca,
a unha beira da fervenza
do río onde habitou Pondal.
Un carro feito de salgueiro
e un aradiño de pao.
Unha espiga vermella,
nun universo branco.
A fortuna de ter lembranzas
e un espazo onde repousalas,
e unha lingua coa que repensalas e vivilas,
e un país onde habitar
coa nosa xente.
C Vivo cando amo:
Vivo
cando amo
un corpo
que palpita
entre
brazos mornos.
Un beixo
doce
na noite
escura.
Unha pel
espreita
nun
desexo
húmido.
Un
camiño
que
comeza
e remata
na tenrura.
Se queres escoitar pincha aquí

fotoletrasgaliza de Manolo Graña ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.
C Para que nos serve a lingua
Para que nos serve a lingua?
Para describir,
escribir,
Comunicar,
Berrar.
Para dicir:
amor,
odio.
pracer,
lecer,
tecer,
amencer,
anoitecer,
aborrecer,
querer,
temer.
acariñar,
soñar,
pensar,
esixir,
reivindicar,
escoitar.
Comprender os sentimentos,
dicilos,
vivilos.
Para darlle nome
ao murmurio do vento,
da auga,
dos paxaros,
da música.
Sen ela non poderíamos dicir:
sentimento,
bico,
amor,
vida.
Se perdemos a lingua
non existiriamos,
viviríamos noutro corpo estraño.
PARA ESCOITAR PINCHA AQUÍ
O poema, Manuel María
Um
poema é um ser vivo que anda,
respira, sonha, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente ódio e ternura, dessangra-se,
fala de intimidade e intimidade
coas cousas e coa gente, sugere
mundos possíveis e impossíveis,
sua, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.
Manuel María.
Manuel María. Voz de Manuel María
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
