Translate

C Repensando as lembranzas





Repensando as lembranzas

Preciso sentir:

o latexar do río
a lama nos zocos
o recendo do bieiteiro
a auga das pozas
debaixo dos pés.

As cores do herbal
na primavera.

Os sentidos acougados
polo aloumiño da miña nai.

As miñas soidades acochadas 
por mil follas de carballo
no outono.

O canto de mil grilos
e mil paxaros
nunha tarde esperanzada.

Tamén xeadas brancas
que deixan o corpo aterecido.

Noites de tronos 
e paus de loureiro,
e de soidades,
e de tristuras.

Días de enchente e fartura
e soños liberadores.

O recendo do pan saído do forno.

A terra escura chea de froitos
e suores.

Sentir que outras persoas 
comparten o teu espazo 
e modo de vida.

O regato no inverno,
limpo e transparente,
onde xiraba o rodicio de carabullos,
feito coa miña navalla.

O muíño escuro 
de fariña branca,
a unha beira da fervenza
do río onde  habitou Pondal. 

Un carro feito de salgueiro
e un aradiño de pao.

Unha espiga vermella
nun universo branco.

A fortuna de ter lembranzas
e un espazo onde repousalas,
e unha lingua coa que repensalas e vivilas,
e un país onde habitar
coa nosa xente.




C Vivo cando amo:


Vivo cando amo
un corpo que palpita
entre brazos mornos.

Un beixo doce
na noite escura.

Unha pel espreita
nun desexo
húmido.

Un camiño
que comeza
e remata na tenrura. 

Se queres escoitar pincha aquí 
 
Licenza Creative Commons
fotoletrasgaliza de Manolo Graña ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.

C Para que nos serve a lingua




Para que nos serve a lingua?

Para describir,
escribir,
Comunicar,
Berrar.

Para dicir: 
amor,
odio.
pracer,
lecer,
tecer,
amencer,
anoitecer,
aborrecer,
querer,
temer.
acariñar,
soñar,
pensar,
esixir,
reivindicar,
escoitar.

Comprender os sentimentos,
dicilos,
vivilos.

Para darlle nome
ao murmurio do vento,
da auga,
dos paxaros,
da música.

Sen ela non poderíamos dicir:
sentimento,
bico,
amor,
vida. 

Se perdemos a lingua
non existiriamos,
viviríamos noutro corpo estraño.




 
PARA ESCOITAR PINCHA AQUÍ

O poema, Manuel María



Um poema é um ser vivo que anda,


respira, sonha, chora, salouca,


ama, berra, cintila e escurece,


cala, aborrece a mentira,


sente ódio e ternura, dessangra-se,


fala de intimidade e intimidade


coas cousas e coa gente, sugere


mundos possíveis e impossíveis,


sua, cansa, sofre sede e fame,


adoece, agoniza. E nunca morre.

Manuel María. 
 




Manuel María. Voz de Manuel María

Manuel María, O POVO que deixa perder a sua palabra





 O POBO que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio. Ese pobo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresións á beleza e ó espírito
que a vida non tolera nen perdoa.



MANUEL MARÍA

Neste día, 17 de Maio, ben está recordar as palabras do poeta para que estes vaticinios non se cumpran e poidamos gozar de moitas máis  primaveras na nosa lingua.  


 
  A voz do poeta Manuel María