Translate
C As veces......
As veces......
Camiño cos pés descalzos
por camiños descompostos
aos que non lle vexo o fin.
Unha lanterna máxica
sempre alumea o que
non vexo.
Un son arrítmico
inunda os sentidos.
Vexo as esquinas do meu
perfil invisible
detrás do bafo
do espello cadrado.
Respiro a fonda
dor da nada.
Aférrome á miña
sombra escura.
Vivir tamén era isto.
C Repensando as lembranzas
Repensando as lembranzas
Preciso sentir:
o latexar do río
a lama nos zocos
o recendo do bieiteiro
a auga das pozas
debaixo dos pés.
As cores do herbal
na primavera.
Os sentidos acougados
polo aloumiño da miña nai.
As miñas soidades acochadas
por mil follas de carballo
no outono.
O canto de mil grilos
e mil paxaros
nunha tarde esperanzada.
Tamén xeadas brancas
que deixan o corpo aterecido.
Noites de tronos
e paus de loureiro,
e de soidades,
e de tristuras.
e de soidades,
e de tristuras.
Días de enchente e fartura
e soños liberadores.
O recendo do pan saído do forno.
A terra escura chea de froitos
e suores.
Sentir que outras persoas
comparten o teu espazo
e modo de vida.
O regato no inverno,
limpo e transparente,
onde xiraba o rodicio de carabullos,
feito coa miña navalla.
O muíño escuro
de fariña branca,
a unha beira da fervenza
do río onde habitou Pondal.
Un carro feito de salgueiro
e un aradiño de pao.
Unha espiga vermella,
nun universo branco.
A fortuna de ter lembranzas
e un espazo onde repousalas,
e unha lingua coa que repensalas e vivilas,
e un país onde habitar
coa nosa xente.
C Vivo cando amo:
Vivo
cando amo
un corpo
que palpita
entre
brazos mornos.
Un beixo
doce
na noite
escura.
Unha pel
espreita
nun
desexo
húmido.
Un
camiño
que
comeza
e remata
na tenrura.
Se queres escoitar pincha aquí

fotoletrasgaliza de Manolo Graña ten unha licenza Creative Commons Atribución-Non comercial-Compartir igual 4.0 Internacional.
C Para que nos serve a lingua
Para que nos serve a lingua?
Para describir,
escribir,
Comunicar,
Berrar.
Para dicir:
amor,
odio.
pracer,
lecer,
tecer,
amencer,
anoitecer,
aborrecer,
querer,
temer.
acariñar,
soñar,
pensar,
esixir,
reivindicar,
escoitar.
Comprender os sentimentos,
dicilos,
vivilos.
Para darlle nome
ao murmurio do vento,
da auga,
dos paxaros,
da música.
Sen ela non poderíamos dicir:
sentimento,
bico,
amor,
vida.
Se perdemos a lingua
non existiriamos,
viviríamos noutro corpo estraño.
PARA ESCOITAR PINCHA AQUÍ
O poema, Manuel María
Um
poema é um ser vivo que anda,
respira, sonha, chora, salouca,
ama, berra, cintila e escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente ódio e ternura, dessangra-se,
fala de intimidade e intimidade
coas cousas e coa gente, sugere
mundos possíveis e impossíveis,
sua, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza. E nunca morre.
Manuel María.
Manuel María. Voz de Manuel María
Manuel María, O POVO que deixa perder a sua palabra
O POBO que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente sua,
está empobrecendo ó mundo
e perpetrando o seu propio xenocidio. Ese pobo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresións á beleza e ó espírito
que a vida non tolera nen perdoa.
MANUEL MARÍA
Neste día, 17 de Maio, ben está recordar as palabras do poeta para que estes vaticinios non se cumpran e poidamos gozar de moitas máis primaveras na nosa lingua.
A voz do poeta Manuel María
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)